Thursday 25 de April de 2024

O Goberno tránsfuga de Sada pecha o Pazo de Meirás para visitas de escolares de toda Galicia


O Goberno tránsfuga de Sada non está a permitir a realización de visitas de alumnado de colexios e institutos ao Pazo de Meirás. O Concello de Oleiros tiña concertadas as visitas dos colexios Juana de Vega, Valle Inclán, Rabadeira e Parga Pondal ao pazo para o mes de febreiro; as datas estaban acordadas desde o mes de outubro coa anterior concelleira e Patrimonio do Estado tamén tiña concedidos os pertinentes permisos, pero os actuais responsables do Concello de Sada non queren abrir o pazo entre semana para que os escolares galegos poidan visitalo.

A desorganización e desinterese en relación a este asunto é tal que os propios traballadores municipais descoñecen se as competencias sobre o pazo están delegadas nos concelleiros José Luis Tellado ou Sergio García. Este último, só se dignou a atender telefonicamente nunha ocasión aos funcionarios da área de Ensino do Concello de Oleiros. Foi a finais de novembro e informou que no mes de decembro ofrecería unha resposta definitiva, iso si, anticipando que o Concello de Sada só pretendía abrir o pazo para visitas turísticas as fins de semana. Malia posteriores chamadas e envíos de correos electrónicos, nada se sabe do concelleiro ata o día de hoxe. Na mesma situación están outros centros de ensino de Galicia que pretendían visitar o pazo e que desde o Concello de Sada non acaban de confirmarlles unha data para realizar as visitas.

O Concello de Oleiros, que correría cos gastos dos guías para a visita, lamenta a incapacidade e desinterese do actual Goberno tránsfuga de Sada para xestionar as visitas de escolares ao Pazo de Meirás, impedindo aos nenos e nenas de toda Galicia coñecer unha parte imprescindible da memoria do noso pobo. A educación é un dereito básico e elemental para a construción dunha sociedade democrática e libre, e este tipo de visitas son fundamentais para complementar a formación académica e os coñecementos sobre a historia. Tras a longa e tortuosa batalla librada para recuperar este pazo espoliado polo ditador, non se pode tolerar que xestores públicos incapaces e antidemocráticos teñan o pazo pechado á cidadanía.